Javi Rodríguez: "Fixemos un gran traballo defensivo"


Foto: Ángel Martínez / Getty Images

O Celta levou unha vitoria de enorme valor do Metropolitano tras superar por 0-1 ao Atlético de Madrid nun encontro no que o traballo defensivo foi clave para os de Claudio Giráldez. Un dos futbolistas máis destacados foi Javi Rodríguez, que puxo en valor o esforzo colectivo do equipo para manter a portería a cero nun escenario tan esixente. “Na primerira parte custounos un pouco encontrarnos co balón pero fixemos un gran traballo defensivo coa portería a cero e iso sempre é bo e máis para os defensas. Sempre que consigues a portería a cero estáis máis cerca de gañar e así o fixemos hoxe”, sinalou o canteirán celeste ao remate do partido.

O defensor destacou tamén a capacidade do equipo para competir durante os noventa minutos e aproveitar as ocasións das que dispuxo ante un rival de máximo nivel. “Un gran partido defensivo, aproveitamos as que tivemos e moi contentos pola vitoria. Dixeron que nunca gañamos aquí,  así que a primeira vez que gañamos, 3 puntos moi importantes para seguir sumando puntos. Moi contentos e a seguir”, afirmou Javi Rodríguez, satisfeito polo paso adiante do conxunto vigués nun tramo decisivo da temporada.

Ademais, o xogador do Celta quixo ter unhas palabras de agradecemento para a afección celeste desprazada a Madrid, que non deixou de animar ao equipo durante todo o encontro. “Escoitábase dende o inicio a afección. Darlle outra vez as grazas por vir ata aquí, por animar como un xogador máis e dámoslle esta vitoria que é moi importante para subir na clasificatoria, subir de puntos e moi contentos”, concluíu o defensa celeste tras un triunfo histórico para o equipo vigués no estadio do Atlético.

0 comments:

Publicar un comentario