![]() |
| Foto: RC Celta |
David Ferreiro foi presentado este venres como novo adestrador de As Celtas. O técnico xa conta con experiencia no primeiro equipo, xa que foi segundo adestrador durante a parte final da tempada 2024-25, e esta tempada dirixiu de forma exitosa o filial, que acabou campión de Terceira Federación, logrando o ascenso de categoría, que non se puido concretar debido a que As Celtas non puideron ascender a Primeira Federación.
O novo preparador comezou agradecendo: "Estou moi agradecido pola oportunidade que me dá o club. Quero agradecer a Marián, a Marco Garcés, Sergio Álvarez e Humberto toda a confianza que depositaron en min. Agora toca traballar. Xa teño a cabeza posta no seguinte. Teño moitas ideas e, sobre todo, creo que é importante prepararse ben para a próxima tempada", sinalou.
Ferreiro puxo en valor o traballo realizado polo club co equipo feminino: "Estiven en moitos proxectos, pero nestes dous anos creo que medramos moitísimo. Estamos logrando ascensos e formando xogadoras, e iso é moi importante. Hai moitas futbolistas que veñen empurrando forte para estar no primeiro equipo no futuro e debemos seguir traballando nesa liña", destacou.
Desde hai uns días fíxose cargo dos adestramentos, nunha situación algo atípica xa que a competición xa finalizou: "Cando falei coas xogadoras transmítinlles que agora mesmo a competición vai ser o adestramento. Creo que este período funciona case como unha pretempada anticipada. É importante comezar a introducir contidos e conceptos para que, cando volvan no verán, xa teñan referencias e traballo adiantado. Queremos aproveitar este tempo para mantelas activas, traballar aspectos que nos servirán nos próximos meses e acelerar procesos", manifestou.
Adiantou que varias xogadoras de As Celtas Sporting darán o salto ao primeiro equipo, e recalcou que "o obxectivo ten que ser chegar á Liga F, pero sempre construíndo ben o proxecto e dando pasos firmes. E gustaríame reforzar unha idea: oxalá cheguemos á Liga F co maior número posible de xogadoras formadas na nosa canteira", proclamou.




0 comments:
Publicar un comentario