Iván Villar: "Gustaríame seguir no Celta moitos anos"


Foto: RC Celta

Iván Villar continúa a demostrar compromiso e profesionalidade nunha tempada na que volve asumir o papel de gardamallas suplente no  Celta. O porteiro de Aldán mantense preparado á espera de oportunidades, convencido de que o traballo diario é a clave para responder cando o equipo o necesita.

Atópome ben, adestro moito durante todas as semanas para estar preparado cando chega o partido. Cando me tocou xogar, vinme ben”, asegura Villar, que lamenta especialmente a pronta eliminación celeste na Copa do Rei. “É unha pena que caésemos eliminados tan cedo en Copa, porque é unha competición á que lle tiñamos, e temos, moitas ganas”, explicou nunha ampla entrevista concedida a Nós Diario

No día a día da cidade deportiva, o gardamallas destaca o bo ambiente e a esixencia dentro do grupo de porteiros, no que a competencia convive coa colaboración. Villar tivo palabras de eloxio para os seus compañeiros baixo paus, e en concreto sobre Radu: “É un porteiro moi bo, bastante completo. Ten moitos rexistros e está facendo unha gran tempada no Celta”, sinala, antes de poñer o acento no aspecto humano. “Pero tamén quero destacalo a nivel persoal. Tanto con el como con Marc Vidal hai moi boa relación, axudámonos e esixímonos moito adestrando todos. Creo que nos facemos mellores día a día e a verdade é que dá gusto compartir vestiario con eles”.

A pesar de non contar cunha presenza continuada nas aliñacións, Villar asegura que a situación non lle xera ansiedade nin frustración. “No meu caso, non me afecta, porque se quero contar con minutos teño que demostralo primeiro durante cada adestramento. O corpo técnico dálle moita importancia ao traballo diario e eu esfórzome sempre ao 100%”, afirma con naturalidade.

O seu vínculo co Celta vai máis alá do deportivo. Formado na canteira, debutante en Primeira División e con experiencia en competicións europeas, Villar ten claro cal é o seu desexo de futuro. “O meu desexo xa o dixen moitas veces. Quero seguir no club que me deu todo até o de agora. Aquí medrei, debutei, puiden xogar en Primeira División e mesmo en competicións europeas. É onde son feliz”. Unha vontade que resume nunha frase directa: “Gustaríame seguir aquí moitos anos”, explica o canteirán, con contrato ata o 30 de xuño de 2027. 

Preguntado polo ruído externo e polas críticas nas redes sociais, o gardamallas recoñece que vive alleo a ese tipo de contidos. “A verdade é que non o sei, vivo alleo a iso e centrado no que realmente depende de min. Levo xa uns cantos anos sen ver nada e menos nas redes sociais”. Con todo, considera necesario abrir un debate sobre o impacto deste tipo de mensaxes. “No meu caso, pola miña forma de ser, pola idade e experiencia, xa non me afecta, pero si creo que é algo sobre o que se debería reflexionar, porque si que pode haber compañeiros aos que lles poida afectar”.

Villar lembra que detrás dos futbolistas hai persoas. “Ao final, somos persoas con sentimentos, con familia detrás, e recibir certos comentarios cheos de odio pode chegar a facer moito dano e non axudan en nada, nin no aspecto deportivo nin no persoal”, conclúe.


0 comments:

Publicar un comentario