O Celta anunciou onte á noite que antes do partido da Europa League contra o PAOK Salónica os seareiros poderán gozar da actuación en directo de Fillas de Cassandra e Mondra, dous dos proxectos máis interesantes da escena musical galega. As viguesas xa actuaron en varias ocasións en Balaídos. Fixérono no descanso do debut de As Celtas en Balaídos, e tamén na previa dun encontro contra o Real Madrid, no que asinaron unha interesante interpretación do himno de C. Tangana, "Oliviera dos cen anos".
Para Mondra será a súa primeira actuación en Balaídos. O de Teo é un dos músicos galegos máis prometedores da actualidade. Ademais da súa faceta como cantante, tamén destaca noutras artes como o baile, sendo profesor de danza tradicional e pandeireta en varias asociacións culturais. Precisamente a pandeireta é un dos elementos do folclore galego aos que o Celta está a render tributo nesta edición da Europa League, ao ser o agasallo elixido para intercambiar cos seus rivais na competición.
O club anunciou tamén que as portas do estadio se abrirán ás 19:45, e unha hora despois, ás 20:45, levaranse a cabo as actuacións musicais.
0 comments:
Publicar un comentario