O Real Club Celta vén de recibir o Premio da Cultura Galega 2024 na categoría de Proxección Exterior da Cultura Galega, un recoñecemento que outorga anualmente a Xunta de Galicia a persoas e entidades que contribúen a difundir e reforzar a identidade galega máis alá das súas fronteiras.
A gala de entrega celebrouse este ano no Teatro Jofre de Ferrol, nun acto que puxo en valor o talento, a creatividade e o compromiso coa cultura galega en toda a súa diversidade. A elección dun escenario descentralizado como Ferrol reafirma a vontade de espallar os focos culturais por todo o territorio.
O Celta foi distinguido polo seu traballo en favor da cultura galega, especialmente salientado este ano pola creación do himno “Oliveira dos Cen Anos”, elaborado con motivo do centenario do club. Máis alá dunha peza conmemorativa, este himno converteuse nun verdadeiro símbolo das raíces, do orgullo e da identidade galega.
En representación da entidade celeste, acudiron ao acto Gael García, director de Marketing, Comunicación e Estratexia Dixital; José Amoedo, conselleiro; e Carlos Cao, director de Infraestruturas e Relacións Institucionais. Foi Gael García quen subiu ao escenario para recoller o galardón e expresar o sentir do club:
“É unha honra recibir este premio. Emociónanos porque vai máis alá do deporte: fala de identidade. Reforza a nosa responsabilidade coa nosa terra e cos ideais cos que naceu o Celta hai máis de cen anos. Grazas por este recoñecemento, que queremos compartir con todos os clubes galegos que tamén traballan nesta liña. Reafirmamos dende aquí o noso compromiso de seguir construíndo un fútbol moderno que camiñe da man da nosa cultura.”
0 comments:
Publicar un comentario