![]() |
Foto: Faro de Vigo |
O Celta asinou unha vitoria convincente este mércores ante o Villarreal cun 3-0 que reforza a moral do vestiario e tamén a confianza depositada en xogadores da casa como Yoel Lago. O de Mondariz, que repetiu titularidade tras o encontro fronte ao Barcelona, non ocultou a súa satisfacción polo bo momento persoal e colectivo.
"Estou moi contento polas oportunidades que me está dando Claudio Giráldez", asegurou Lago, quen valorou tamén o feito de xogar en Montjuic a pasada xornada e agora facelo cun resultado positivo diante dun rival de altura: "Fixemos un bo partido ante un rival que está a loitar por Champions".
O triunfo ante o conxunto groguet chega no momento axeitado para o equipo vigués, que afronta o treito final da tempada con ilusión renovada. "Esta vitoria dalle confianza ao grupo para estes últimos cinco partidos", afirmou o canteirán, que xa pensa no próximo reto: "Teño ganas de que veña o seguinte", sinalando ao duelo ante o Real Madrid que chegará tras o parón.
Yoel tamén quixo destacar o papel fundamental da bancada celeste: "Pouco máis se pode pedir a esta afección, que é de dez. É un orgullo estar no campo ou na bancada. Darlles as grazas e que sigan así, que xuntos virán cousas bonitas", concluíu, emocionado pola conexión co celtismo.
0 comments:
Publicar un comentario