Oficial | Sergio Álvarez anuncia a súa retirada



Sergio Álvarez anunciou este xoves a súa retirada como futbolista profesional. O gardamallas celeste elexiu o césped de Balaídos para dirixirse á afección, poñendo fin a 17 anos como xogador do Celta, debido a dificultade para recuperarse da última lesión de xeonllo. O canteirán definiu o momento que vivía: 

“Emoción, esa é a palabra, como sempre que practiquei este deporte. Lévoo vivindo dende moi cativo e cada vez que teño a oportunidade de adestrar de xogar, sinto emoción. É algo que levei sempre”, comentou despois de anunciar a súa retirada. 

“Péchase unha etapa da miña vida moi bonita, que seguramente cando era pequeno nos meus mellores soños, non estaba poder xogar no Celta tantos anos, conseguir un ascenso histórico, facer historia chegando a unhas semifinais europeas. Son moitos recordos. Empecei no Arousa, cheguei aquí con 17 anos e teño 34 agora. A metade da miña vida paseina aquí, considero a este club a miña familia, só podo estar agradecido”, sinalou con dificultade para conter a emoción. 

Tamén se referiu ao que lle aportou o deporte a nivel persoal: “O fútbol non foi só un deporte para min, deume uns valores que se non tivese a oportunidade de xogar ao fútbol non os tería. Só pode estar agradecido por todo o que me deu este deporte, é o que levo facendo sempre, é casi a miña vida”. 

0 comentarios:

Publicar un comentario