A Xunta de Accionistas votará a incorporación de dous novos conselleiros


Foto: RC Celta
A modificación da actual configuración do consello de administración do club será sometida a votación na próxima Xunta de Accionistas do RC Celta, que se celebra o día 6 de novembro no Salón Rexio de A Sede. Os accionistas votarán a incorporación ao consello celeste de Fernando Rodilla e María José Táboas, quen mantiveron unha estreita relación co RC Celta durante moitos anos.

María José Táboas entrou en Citroën Vigo como auxiliar administrativa con tan só dezaoito anos. Nos seus primeiros anos na empresa, Táboas compaxinou o seu labor profesional e familiar cos estudos e, aos poucos, foi subindo banzos até asumir o cargo de Relacións Exteriores e Institucionais e converterse na primeira muller en formar parte do equipo de dirección de PSA-Citroën en Vigo. María José Táboas xubilouse en 2017 tras unha vida dedicada á planta automotriz viguesa. Ese mesmo ano converteuse en vicepresidenta do Celta de baloncesto feminino.

Fernando Rodilla, canteirán celeste, foi xogador do RC Celta entre os anos 1969 e 1976. Formouse no equipo xuvenil celeste e tras militar na Gran Peña, filial céltico por aquel entón, e no Langreo en calidade de cedido, onde logrou o ascenso de categoría a Segunda División, ingresou no primeiro equipo celeste. O dianteiro vigués formou parte do primeiro Celta europeo e chegou a debutar coa Selección Española. Tamén formou parte dunha selección europea da FIFA nun partido de homenaxe ao portugués Mário Coluna en Lisboa. Desde fai vinte anos é directivo da Agrupación de Veteranos do RC Celta.

Fernando Rodilla e María Jose Táboas uniranse, unha vez aprobada a súa incorporación, a un consello formado polos vivepresidentes Ricardo Barros e Pedro Posada e os conselleiros Carmen Avendaño e Primitivo Ferro.

Nota de prensa

0 comentarios:

Publicar un comentario