Coma os Dinosauros


Foto: EFE
De cando en vez unha fotografía, unha imaxe, un cheiro transforma unha lembranza nunha imaxe clara. Algo palpable. Transfórmase en algo completamente diferente. Incluso algunhas veces nalgo demasiado doloroso. Demasiado estrano dependendo das circunstancias.

É curioso coma os días grises traen ás veces, sobre o seu aroma,  lembranzas de mañás de intensa cor azul, coma o  máis puro  cinemascope dos anos 50 e 60. Sobre a propia lembraza  e as súas deformacións ás veces incluso o fútbol é honesto. Porque o fútbol, o equipo, o Celta non deixa de ser un nexo social.  Un máximo común.

O fútbol, o Celta, é unha parte desas vivencias e eses sentimentos. Existen demasiados elementos que subscriben esta afirmación: Os abrazos fortes de gol co descoñecido que comparte bancada. A copa da previa, a copa da derrota ou a copa da vitoria. O abrazo polo logro ou polo fracaso. A maldición común, o apupo e o aplauso. O fútbol non  deixa de ser un sentimento. Que si, que é unha frase demasiado utilizada e ás veces demasiado baleira de contido. Pero é verdade. É un tipo diferente de amor. Hai moitas clases de amor. O fútbol ensinoume esta lección fundamental na miña vida xa hai moitos anos.

Só quen estivo nunha bancada dando o seu apoio incondicional experimenta estas sensacións que hoxe quero transmitir. Soamente nunha bancada atopei o escenario perfecto para vivilas. Por iso o  futbol multimedia, o  futbol pro asiático, o  multi cámara, o fútbol da realidade virtual, o  futbol  multi aposta non pode entender nada do que eu estou a dicir.  Todo o anterior é a cobertura fantástica dun pastel  glamouroso, pero sen ningún tipo de biscoito dentro. Como unha enorme mansión coa neveira baleira. Como a tristeza post  coitum co substituto do / a amante. Evidentemente todo isto non importa a quen rexe o noso  futbol ao día de hoxe. Para eles o fútbol é unha conta de resultados, un balance económico, unha folla de  excel, un gráfico, un  powerpoint. Para eles o fútbol é diñeiro, influencias, poder, máis poder, máis diñeiro, máis influencias. O banzo dunha escaleira que queren subir, para alcanzar outro banzo, e outro e outro.  Porque o único que é tan infinito como estupidez humana é a avaricia. Esa merda precocida a min causame carraxe.

Por iso, o Celta coma club, debe afrontar urxentemente volver poboar as bancadas. Debería facerse un proxecto a nivel da propia entidade que valorase coidar ao afeccionado, involucrar a unha parte da poboación que agora mesmo non acode, involucrar á universidade, involucrar aos colectivos menos favorecidos, involucrar aos xubilados, involucrar e incluír ás empresas mediante fórmulas parecidas ás que están a ter éxito tanto en Alemaña como en Estados Unidos. Que sabemos que  a infraestrutura non o pon fácil, que o propio escenario non é sinxelo. Pero este esforzo entendo que unha entidade que aspira a ser relevante no fútbol europeo ten que facelo necesariamente. Oxalá que desde a propia casa sómese nos esforzos necesarios. Non podemos pedirlle accións aos responsables do fútbol a nivel estatal porque como dixen antes de todo isto non teñen nin idea. Para eles o fútbol é outra cousa.

Mentres escribo estas liñas, vexo no monitor suplementario deste recuncho onde traballo algunhas fotos das que falaba o principio de este texto. Son en Balaídos. As fotos do meu amigo Jorge Pampin o ano do ascenso. E non só  el, está Jacobo  Gey, está  Efrén de la Fuente, está Jean  Paul, Dani Picos e algúns máis. Acurrálame neste recuncho escuro de onde que extraio  as miñas palabras un estraño sentimento de melancolía. Porque nestes tempos sintome un dinosauro, unha especie en peligro de extinción. Porque moitos siareiros non temos remedio.  Porque entendemos o fútbol como o mostran estas fotos. Mostran  camaradería, amizade, compañeirismo. E non podo pedirlle a Tebas que saiba nada do que estou a dicir. Porque isto é o fútbol, o verdadeiro fútbol. Non ese  productillo de cartón- pedra e bancada baleira.  O importante é a viaxe, o importante é a  camaradería; a  copita da previa, os ollos verdes lindos da compañeira na bancada, o abrazo con Juan Vilas e Ana Ferreiro en Marcador, mentres os tambores golpean o aire sobre o vento da mañá e  ondean as bandeiras.

O fútbol, como dixo alguén algunha vez, non é máis que unha escusa. Bendita escusa

E todo iso irase, aos poucos. Extinguirase se non lle poñemos remedio. Farao como fixeron os dinosauros, como as bolboretas tras o verán, coma as flores no inverno. Se non coidamos ao afeccionado e colocámolo no lugar que lle corresponde. Pero esta reflexión pode ser simplemente porque a mañá está gris e non teño a man ceos de cor azul cinemascope.  Ou non.

0 comentarios:

Publicar un comentario