O sofrido camiño da liberación



Por fin. Balaídos por fin sorriu co seu equipo. Seis datas de esta ilusionante temporada tivo que agardar para festexar o primero triunfo do ano. Unha sofrida vitoria con aroma ao Morrazo e á Madroa. Hugo Mallo e Iago Aspas, un de Marín e outro de Moaña, quizáis os dous grandes emblemas do Celta contemporáneo, certificaron a primeira ledicia do curso, que chegou coas habituais doses de angustia nestes casos. 

Non sabe a camisola celeste sair dunha mala xeira con facilidade. Cando o Barcelona é sorprendido no Camp Nou polo Alavés, a Celtic e Leganés espéranlle dúas malleiras para espantar as pantasmas. O mesmo acostuma a facer o Real Madrid e incluso o Atlético, coma se viu en Vigo. O Celta non. O Celta acariña o perigo cos dedos, móvese 90 minutos nese fío que separa a tranquilidade da traxedia. Coma se algo intanxible impediselle sacar a cabeza do auga doadamente e tirase del cara ese fondo do que trata de escapar.

Así foi onte con ese penalti absurdo que devolveu ao equipo ás profundidades. Non se achegara o Sporting á portería de Sergio ata entón. O Celta dominou, certamente de xeito estéril en moitos tramos, pero sen medo a que os asturianos incomodasen ao de Catoira. Faltou ese home entre liñas quen de recoller unha pelota, darse a volta e romper unha liña rival cun pase ou un regate. Ese home chamado Orellana, superando a súa lesión na bancada, pero que onte ben podía ser Rossi ou incluso Señé, ambos no banquillo. O Tucu Hernández, mancado dende o inicio, viu mermado o seu rendemento e non foi a figura trascendental coa pelota dos últimos partidos. Iago Aspas, ata o gol de penalti, viviu inmerso nunha batalla baleira con Amorebieta e Babín que sacouno do partido.

Cuns fóra e outros apagados, só Sisto atopou o xeito de inquedar á ordeada retaguardia sportinguista. Por primeira vez por esquerda, foi quen de amosar ese desequilibrio polo que foi contratado. Incluso despois, cando mudou de costado con Bongonda, seguíu facendo dano. Todo o contrario co seu homólogo belga, emperrado unha e outra vez na procura da súa perna zurda. Bongonda voltou a decidir mal en case todas as accións de finalización nas que participou. Berizzo mantivolo no campo sen moita xustificación cando o atasco celeste reclamaba a entrada de Rossi e sobre todo a permanencia de Sisto. Nin unha nin outra. O gol de Mallo provocou a saída do danés e retrasou a chegada do italiano, quen reactivou ao Celta tralo varapalo do empate. Toda a forza celeste diluirase co 1-0 e a obriga de defender un tesouro. Era a primeira vantaxe da temporada e xestionouse con pánico. O erro de Roncaglia motivou un empate que semellaba definitivo. Sorte que apareceu o penalti para aportar xustiza ao marcador. 

O berro de Mallo, o berro de Aspas, o berro de Balaídos, enmudecido antes da execución do decisivo penalti. Berros de rabia propios de quen se sacode un peso das costas, de quen afasta os seus medos. Precisaba este triunfo o Celta para trocar a dinámica negativa, liberarse e botar a andar. Seguramente todo sexa máis doado a partires de agora, unha vez que arrincou esa pedra do lombo e volveu sorrir tres meses despois. Pero para facelo, ía sufrir. Tiña que ser así.

0 comentarios:

Publicar un comentario