Na procura do "Top-ten"



O Celta comezará esta noite a súa 51ª participación na Primeira División do fútbol español. Un total de 1.660 partidos na máxima categoría dende aquel debut en 1939 ante o Real Zaragoza tralo trienio de parón pola Guerra Civil. En todo este tempo, o clube olívico acadou un total de 1.744 puntos, repartidos en 573 vitorias, 383 empates e 704 derrotas, o que lle permite ocupar a 12ª posición na  clasificación histórica da liga. 

Un ano máis, o Celta continuará na procura do "Top-ten" do torneo. Actualmente son 102 puntos de diferenza respecto ao equipo que ocupa a 10ª posición, o Real Betis Balompié, un conxunto coas mesmas temporadas co equipo vigués en Primera, mais cun mellor ratio de puntuación. Será preciso repetir a dinámica dos tres últimos anos, con descenso incluido dos verdiblancos, para darlles caza nun futuro cercano. E é que dende a temporada 2013-14, o Celta conseguiu reducir en 90 puntos a distancia co conxunto de Heliópolis.

Máis preto e polo tanto máis factible é a posibilidade de alcanzar ao 11º clasificado, o Deportivo. O conxunto herculino, beneficiado pola no homoxeneización dos puntos por vitoria co paso aos triunfos de 3 puntos, avantaxa aos celestes en 34 puntos (37 co su triunfo do pasado venres). Dende o retorno do Celta a Primeira en 2012, a distancia entre ambos reduciuse en 85 puntos. Dúas temporadas como as anteriores, cun +16 e un +18 respectivamente para os vigueses, abondarían para dar alcance ao eterno rival.

Todo o demáis resulta inacadable a medio prazo. Incluso o Zaragoza, 9º da lista e a 365 puntos pese as súas xa tres campañas sen sumar. Dende entón o Celta recortou 160 puntos aos maños, pero serían precisas mínimo outras seis ou sete temporadas a este ritmo, e sempre cos aragoneses lonxe de Primera, para superalos.

Por detrás nada inquieta. Valladolid e Racing, sen posibilidades de sumar este ano, aparecen a 273 e 329 puntos, respectivamente. Sporting, Osasuna e Málaga séguenlles, pero todos a demasiada distancia. 

Unha temporada máis, o Real Madrid segue liderando esta clasificación, aínda que perdendo progresivamente vantaxe co Barcelona. O Atlético rematou por adiantar ao Valencia e consolidarse nesa terceira praza histórica. Mentres o Athletic chega xusto por tras para desbancar, se cadra este ano ou se cadra o que vén, aos chés desa cuarta praza. Máis abaixo o Sevilla, que superou ao Espanyol, e a Real Sociedad. Zaragoza e Betis completan ese "top-ten" cada vez máis preto para o Celta. 




0 comentarios:

Publicar un comentario