O filial arranca con bo pé


JOSÉ LORES

Gran comezo de curso para o novo Celta B dirixido por Javier Torres Gómez. O filial celeste impúxose a un dos máximos favoritos do Grupo I da Segunda División B, o Racing de Santander, un histórico con más de 40 anos de Primeira División e que sucumbiu en Barreiro por 1-0 grazas ao gol de Borja Iglesias.

O xuvenil Pape Cheikh foi a gran novidade nun once netamente ofensivo e non moi diferente ao da campaña pasada. O cangués Iván Villar ocupou a portería por mor da viaxe de Néstor co primeiro equipo. Kevin, Goldar, De Amo e Samu Araújo formaron en defensa. Por diante, Borja Fernández e o propio Pape Cheikh compuxeron un dobre pivote por detrás de catro atacantes. Luis Rioja e Rubén Ramiro ocuparon os costados, mentres Guille Andrés actuou por detrás da referencia Borja Iglesias. No segundo tempo ingresarían no campo Borja Peña, Julio Delgado e Javi Qué.

Nun choque intenso e disputado, o Celta B tratou de levar a iniciativa dende o primeiro momento. De feito, rondou a portería de Sotres en varias ocasións por mediación de Rioja, Goldar e Guille Andrés. Porén, o Racing espertou pasada a media hora e a contenda equilibrouse. Gozou de dúas oportunidades clarísimas no segundo tempora para resolver o encontro, pero non soubo converter. Sí o fixo Borja Iglesias a falta dun cuarto de hora, cando anticipándose ao seu marcador aproveitou un centro raso de Samu Araújo.

Con este triunfo, o Celta B suma os tres primeiros puntos da tempada e gaña en confianza de cara ao que se aproxima por diante. Na segunda xornada visita o Reino de León para medirse á Cultural Leonesa, quen empato 0-0 no seu estreno ante o Valladolid B.







0 comentarios:

Publicar un comentario