Paseñinamente, e case sen darnos conta, o Celta váisenos achegando ó centenario. Hoxe, 23 de agosto de 2015, hai noventa e dous anos da fusión de Vigo e Fortuna, que daba lugar ó nacemento do clube de Galicia: O Real Clube Celta. Alguén que para todos nós sempre estivo aí, acompañándonos nos bos e nos malos momentos, facéndonos rir e outras veces facéndonos chorar.
É doado bota-la vista atrás e lembrar un momento duro, un momento de bágoas e recordos que esquecer, pero tampouco custa moito atopar sorrisos, tantas veces compartidos cos nosos seres máis queridos, e ledicia. Balaídos desprende enerxía en cada centímetro cadrado, a que contén e a que alberga, a que garda e a que solta cada quince días.
Hoxe seguro que xa lestes moitas cousas sobre o Celta, as máis delas emocionantes, agardando que arranque a Liga e poidamos desfrutar novamente do noso equipo. Hoxe gustaríame levar a cabo un exercicio máis íntimo. Quero que viaxedes no tempo e compartades con todos nós a vosa primeira lembranza do Celta. Cal é ese recordo que xamáis esqueceredes? Cando foi a primeira vez que choraches co Celta? Cando a primeira que riche?.
Sirva esta foto, do Celta do ascenso en Sestao, para contestar a gran parte das preguntas anteriores. Aquel equipo, liderado polos goles de Baltazar, é ese recordo inesquecible que me fixo celtista. E o voso cal é?
0 comments:
Publicar un comentario