Un filial sen canteiráns


Foto: Canteiraceleste.com
Dende fai uns anos, o Celta presume de ser un clube de canteira. Non se pode negar que así sexa, porque en Praza de España centránse moitos esforzos en potenciar a formación dos rapaces e en ter cada vez unha canteira máis forte e máis respaldada pola institución. Non é estrano que cada vez máis xogadores participen coas diversas categorías inferiores da selección española. 

Non se pode negar o esforzo, a adicación, nin a atención que se lle presta á canteira. Por iso sorprende o pouco pulo que se lle da na derradeira etapa, aquela que leva ós xogadores ó filial ou ó primeiro equipo. O pasado mércores, o Celta B xogou un amigable en Póvoa de Varzim ante o conxunto local do Varzim, no que presentou unha aliñación impropia dun filial. 

Formaron Felipe Ochagavía en portería, defensa para Kevin, David Soto, Jonathan de Amo e Duclós. No medio Borja Peña, Hugo Pintos, e Youssef Al Watani, e arriba Rubén Ramiro, Guille Andrés e Marcos. Dos once titulares, tan só catro son realmente canteiráns do Celta: Kevin, Soto, Borja Peña e Hugo pintos. O resto son contratados de outros equipos, algún este ano e algúns en anos anteriores. 

Certo que hai moitos canteiráns facendo o Stage co primeiro equipo, pero aínda así tampouco axuda, xa que os que máis están destacando, e por tanto terán máis minutos no filial, son Luis Rioja, Borja Iglesias e Josep Señé, todos eles formados para o filial. Quedan outros xogadores como Alende, Jordan, Borja Fernández, Yelko ou Iván Villar, pero parece que son os de fora os que o están a facer mellor. 

A presenza da canteira no primeiro equipo redúxose o ano pasado de forma preocupante, e a tendencia será esa nos vindeiros anos. Unha mágoa, porque todo o traballo de formación que se fai pérdese por unha falta de confianza nos metros finais que lle impide ós rapaces formados no Celta chegar máis lonxe. Confiemos en que isto sexa sinxelamente algo estructural, e que nas vindeiras semanas vexamos a un filial con máis canteiráns.

0 comentarios:

Publicar un comentario