Valoración fin de tempada: o equipo


LFP

Hai sete días que rematou para o Celta a tempada 2014-15. Unha campaña intensa, emocionante e de regusto doce para o paladar celtista. O equipo vigués acadou sen maiores dificultades o obxectivo primordial da permanencia e aínda tivo tempo de abondo para amarrarse á loita por Europa. Chega o momento de valorar o ano e por as notas de final de curso.


A título persoal, pedíalle ao Celta cinco obxectivos ao rematar o verán. En primeiro lugar, acomodarse na zona noble da competición, conquerindo un posto entre os dez primeiros do campionato. Ao mesmo tempo, realizar un bo papel nun torneo inxustamente esquecido nos últimos anos como a Copa do Rei. Metas ambas a lograr a través dun xogo ofensivo e atractivo coma o do curso pasado, e reforzando a aposta pola canteira que tan bos froitos proporcionou nos últimos tempos. Por último, coma guinda ao pastel, recuperar a hexemonía do fútbol galego batendo ao noso rival por antonomasía que regresaba tralo seu descenso a Segunda División: o Deportivo da Coruña. Nove meses despois, tres deses cinco obxectivos foron cumpridos. 


Fútbol e resultados

O equipo rematou oitavo con 51 puntos, superando así os 49 da tempada anterior. Fixo dous goles menos (47), mais apañou tamén dez menos (54). Incluso durante a nefasta xeira de dez partidos sen gañar, o obxectivo da permanencia nunca correu perigo. Confirmouse tras vencer ao Málaga a cinco xornadas para o final. Nesas últimas datas, o equipo pelexou por entrar en Europa, mais o empate de Almería e as secuelas que deixou para recibir ao Sevilla remataron con calquera opción. 

Mantivo sen lugar a dúbidas a identidade futbolística dos últimos tempos, apostando por dominar os encontros a través do balón e procurando incisivamente a búsqueda da portería contraria. Incluso nos peores momentos, adestrador e equipo non só defenderon a súa idea senón que déronlle un matiz aínda máis arriscado. Esa fidelidade tivo premio e o Celta é hoxe un clube recoñecido polo seu exquisito gusto futbolístico.

Galicia celeste

Sete anos despois do gol de Baiano, o Celta conseguiu derrotar ao Deportivo. Foi por partida dobre, con sendas vitorias en Balaidos e en Riazor. Ambas en encontros sufridos, pero nos que quedou patente a superioridade actual do conxunto celeste. Non en vano, un equipo e outro quedaron finalmente afastados por 16 puntos na táboa clasificatoria.

A Madroa perde forza

Na parte negativa, a canteira perdeu ineludiblemente o protagonismo que viña amosando en anos pasados. Só Sergio, Jonny e Hugo Mallo resultaron inamobibles dende o comezo para Berizzo. Situación antagónica á de Madinda e David Costas, relegados ao ostracismo durante case todo o ano. Pola súa parte, Santi Mina gañou peso co paso do ano e rematou sendo indiscutible no once. Todo o contrario que Álex López, cuxo protagonismo foise diluindo co paso das xornadas. Por último, Borja Fernández, Samu Araujo e Borja Iglesias debutaron durante esta templada, mais ningún gozou dun papel relevante no equipo.

A decepción da Copa

Sen dúbida, a gran decepción do curso foi a participación copeira. Por primeira vez en moito tempo, o Celta gozaba dunha situación ligueira o suficientemente relaxada como para centrar a súa atención no torneo do KO. Ademais, o sorteo foi benévolo cos celestes, pois caeron na parte do cadro que evitaba aos grandes da liga. 

Porén, sufriu máis da conta para eliminar ao Las Palmas e regalou o pase ao Athletic. Tanto na ida como na volta, as decisións dende o banquillo transmitiron unha clara infravaloración do torneo. Aínda hoxe, ninguén entende eses últimos minutos en San Mamés, a un gol de levantar a eliminatoria, con Nolito, Krohn-Dehli e Orellana no banco.


VALORACIÓN: NOTABLE (7)

Tendo en conta todos estes factores, a tempada do Celta pódese calificar de notable. O xogo foi brillante e para a hemeroteca quedarán partidos inesquecibles como os do Deportivo, Atlético de Madrid e a histórica vitoria no Camp Nou. Balaídos volveu a ser o campo difícil no que se gañan ou perden ligas, e o equipo amarrou unha identidade recoñecible para o siareiro medio. 

Acadou o seu propósito da permanencia sen apenas dificultades, pero tamén é verdade que dende o comezo ese obxectivo semellaba irreal por ser excesivamente prudente. A guerra do Celta non eran os Córdoba, Eibar, Almería, Deportivo ou Granada. Máis ben os Málaga, Athletic ou Espanyol. Tardou case 33 xornadas en percatarse, o que posiblemente impediu lograr un séptimo posto que por nivel merecía. A valoración é positiva, mais queda a sensación de que puido ser máis e non foi. Quizáis o ano que vén.

De cara ao futuro, compre non voltar despreciar a Copa do Rei, posiblemente a vía máis realista que ten o Celta para estrear o seu palmarés. Perdeuse unha oportunidade única. Tamén, recuperar o protagonismo da canteira, inversamente proporcional ao número de anos en Primeira.






0 comentarios:

Publicar un comentario