Valoración fin de tempada: o adestrador


JORGE LANDÍN

Hai sete días que rematou para o Celta a tempada 2014-15. Unha campaña intensa, emocionante e de regusto doce para o paladar celtista. O equipo vigués acadou sen maiores dificultades o obxectivo primordial da permanencia e aínda tivo tempo de abondo para amarrarse á loita por Europa. Chega o momento de valorar o ano e por as notas de final de curso.



A primeira tempada de Berizzo no banquillo celeste foi de todo menos aburrida. O técnico arxentino, que chegaba para cubrir a baixa de Luis Enrique, viviu nunha montaña rusa. Pasou do éxito máis absoluto durante os primeiros meses de competición, a unha xeira terrorífica que case o conduce ao paro, a de novo un final de campaña brillante do que sae claramente reforzado. A fin de contas, primeiro ano nunha gran liga, obxectivo cumprido, varias luces, pero tamén algunha sombra.


Herdanza máis personalidade

Berizzo atopou no verán un equipo pletórico que saíu reforzado dunha tempada complicada. O adestrador arxentino, lonxe de modificar os liñas mestras de Luis Enrique, mantivo as virtudes pasadas do equipo e engadiu o seu toque persoal: verticalidade, presión alta e marcaxes ao home. Os resultados foron espectaculares durante o primeiro tramo de competición, especialmente coas victorias no Camp Nou e no derbi de Balaídos ante o Deportivo. O xogo celeste era admirado e xogadores coma Nolito, Orellana, Sergio, Krohn-Dehli ou Larrivey amosaban un nivel excelso.

A xestión da plantilla e a lectura dos partidos

Xa durante os bos tempos, a xestión da plantilla e a lectura dos partidos aparecían no debe de Berizzo. O técnico arxentino confiou durante o primeiro tramo do curso nun núcleo de xogadores moi reducido. Só sancións e lesións alteraban os seus onces. Homes como Charles, Santi Mina, Madinda ou Álex López, vítima do empecinamento en Pablo Hernández, apenas contaban con minutos. O problema chegou cando os futbolistas de referencia perderon o seu nivel e a segunda unidade tivo que sair ao rescate. 

Ademais, estes xogadores non só carecían de oportunidades no once titular. Os cambios de Berizzo, por tardíos, tampouco lles ofrecían minutos nos segundos tempos. Tardíos e en ocasións equivocados. Poucas veces modificaron o rumbo do encontro ou repercutiron positivamente no marcador. En máis dunha ocasión, sumiron ao equipo nun desorde absoluto, con multitude de xogadores fóra de sitio. 

Os cambios de San Mamés

Minuto 75 da volta de oitavos de final da Copa do Rei. San Mamés. O Celta gaña 0-2 ante o Athletic e esta a punto de remontar o 2-4 encaixado na ida. Berizzo, xa discutido pola alineación posta en liza no partido de Balaídos, decide agotar o último cambio retirando a Orellana e deixando a Nolito no banco. Krohn-Dehli, mentres tanto, na bancada. Foi a incomprensible despedida da Copa máis accesible dos últimos anos, cos tres mellores xogadores vendo o final do partido dende a distancia. 

As marcas ao home

Principal signo de identidade do seu sistema defensivo, foron unha constante durante toda a campaña. Se ben, a partir da nefasta xeira de dez partidos sen gañar, matizáronse. Getafe foi o punto de inflexión, con laterais desordeados perseguindo extremos por todo o campo. O equipo agradeceuno, gañou en orde e solidez. Rematou o curso con mellores números defensivos que a pasada tempada e con xogadores coma Cabral e Jonny a moi bo nivel.


A fe e a nova posición de Augusto

O gran éxito de Berizzo foi ser fiel a unha idea. Na previa do Córdoba, cando a soga apretaba o seu pescozo, mantivo a fe e redobrou a aposta polo fútbol ofensivo. Inventouse a Augusto Fernández coma mediocentro ante a decadencia física de Radoja. O futbolista arxentino converteuse dende entón na revelación do curso, ofrecendo un rendemento espectacular na súa nova demarcación.  Foi o gran descubrimento da tempada. Ademais, desplazou a Orellana cara a mediapunta e introduciu a Mina no costado dereito. Dese xeito, o Celta recuperou os resultados e as sensacións. O primeiro paso para recuperar o nivel.

Como motos ata o final

Unha das dúbidas que despertaba o espectacular estado físico do equipo era a capacidade de aguantar ese ritmo ata o final. O tempo deulle a razón a Berizzo, pois o equipo acadou o final de curso coas pernas frescas. Os 30 puntos da segunda volta igualaron os logrados o ano anterior, cando a dinámica foi de menos a máis. Nesta ocasión, o equipo comezou e rematou ben con ese bache no medio.


VALORACIÓN: APROBADO (6)

No seu primeiro ano no fútbol europeo, Berizzo acadou o obxectivo da permanencia e acariñou tamén esa séptima plaza que pode dar acceso a Europa. Por norma xeral, practicou un bo fútbol, sendo fiel a unha idea e amosando valentía nos intres máis complicados. Na parte negativa queda a infrautilización dun plantel máis rico en recursos cos dos anos anteriores, e a súa política de sustitucións durante os partidos. Tampocou confiou especialmente na canteira e non valorou suficientemente a Copa do Rei. Aproba. É un adestrador xoven e, coma o seu equipo, ten marxe de mellora.

0 comentarios:

Publicar un comentario