Celtarras denuncia persecución por parte da LFP


Foto: Jorge Landín
O colectivo Celtarras emitiu unha nota de prensa na que pide parar a represión que, segundo dito colectivo, están sufrindo os celtistas nos derradeiros encontros disputados en Balaídos. Requisamento de material, sancións ou retirada do abono a varios siareiros son os motivos que esgrime a popular peña de animación, para denunciar a “persecución que está sufrindo a Peña Celtarras por parte da LFP, co consentemento do Real Club Celta de Vigo”, engaden. 

A continuación o comunicado ó completo: 

STOP REPRESION AOS CELTISTAS
Tralos últimos acontecementos sucedidos en Balaídos, enmarcados nunha campaña represiva por parte da Liga de Fútbol Profesional contra a animación nos estadios de fútbol, queremos dar a coñecer e denunciar os seguintes feitos:
1.- Durante o encontro disputado o pasado sábado entre o Celta de Vigo e o Athletic Club, varios mozos foron acosados por parte da Policía española e a seguridade privada do Celta polo mero feito de portar bandeiras galegas e simboloxía referente a nosa peña. Despoís de seren requisadas, procedeuse á súa identificación e inmediata expulsión do estadio, non sen antes confiscar tamén o carnet de abonado sen recibir nengunha explicación máis o respeto. Desgraciadamente, non é a primeira vez que temos que padecer as ofensas e o desprezo das forzas da seguridade no interior do estadio, mais nunca se chegara ao punto de arrebatarnos o noso propio material polo feito de conter o noso nome ou por mostrar bandeiras do noso país. Antes do encontro, seguidores do Athletic tamén tiveron que sufrir o acoso policial ao intentar despregar unha pancarta en memoria de Iñigo Cabacas -xoven afeccionado do Athletic asasinado por unha pelota de goma da policia nos arredores de San Mamés- que, finalmente, non puideron exhibir pola ameaza de requisala e multar a quenes a mostrasen.

2.- Estes feitos hai que encadralos no intenso proceso restrictivo impulsado pola LFP, e concretamente, polo seu presidente o franquista Javier Tebas, contra os seareiros máis activos dos distintos equipos da Liga. Nos últimos meses estamos sendo obxecto, tanto nós como outras peñas celtistas, de medidas inxustificadas en contra de calquera tipo de animación en Balaídos: obrigación de adscribirse a un -vexatorio- libro de rexistro baixo ameaza de quedar sepultados para o Club, numerosas prohibicións como pendurar as pancartas das peñas, ondear bandeiróns celestes, introducir bombos; exhaustivos rexistros nos accesos, sancións por cánticos “inapropiados” ou mensaxes reivindicativas, impedimentos para viaxar e, en definitiva, a necesidade do consentimento do Celta para calquera mínima actividade.

3.- Sen dúbida, as normas contra os seareiros aumentan a medida que irrumpe cada vez con máis forza o fútbol negocio. O último episodio ven da man do corrupto de Javier Tebas. Intensifícanse -ainda máis- as medidas contra os afeccionados coa creación dun problema inexistente no nosa sociedade e que ten como única finalidade valeirar calquera foco de animación e de protesta nos estadios de fútbol.
Por todo elo, queremos denunciar a persecución que está sufrindo a Peña Celtarras por parte da LFP, co consentimento do R.C. Celta de Vigo, ao pemitir a retirada directa de abonos de forma arbitraria por parte da Policía española, sen ningún tipo de procedemento e con total indefensión para o socio, polo único feito de portar material con alusión o noso grupo, o que parece ser unha conducta sancionable para Javier Tebas. Consideramos desproporcionadas todas estas medidas e facemos un chamamento ao Celta para que abandone a sua complicidade e normalice a situación que se está a vivir en Balaídos para poder animar ao noso equipo como levamos facendo dende 1987 de forma ininterrumpida, nos bos e nos malos momentos. Queremos aproveitar tamén para animar ao resto de Peñas do Celta a reflexionar e tomar posición sobre un asunto que está afectando negativamente a todo o celtismo. A unidade de todos os celtistas e a toma de decisión en común fáise unha necesidade contra aqueles que pretenden destruir a nosa casa.

POR GALIZA E POLO CELTA
CELTARRAS 1987

0 comentarios:

Publicar un comentario