Tres puntiños máis


Foto: EFE
O partido do sábado era un partido para non fallar, e o Celta non fallou. Acadáronse tres puntos importantísimos ante un rival directo, e unha vantaxe de dous goles que quen sabe se será relevante cando a tempada se dispoña a alcanzar o seu óbito. Antes de comezar o encontro sorprendía Luis Enrique cun once revolucionario, sen xente importante nas últimas xornadas como Nolito, Augusto ou Cabral. Xente como Orellana, Toni ou Krohn-Dehli tiñan a oportunidade de silenciar as críticas vertidas contra eles, e a verdade é que o rival foi o propicio: un Almería que en Vigo demostrou que é dos equipos máis débiles da categoría. A baixa de Rodri condicionou o ataque almeriense, que apenas puxo en apretos á zaga celeste. 

Os primeiros momentos de xogo foron os mellores para os andaluces, que como xa ven sendo costume por parte dos equipos que xogan contra o Celta, empeñáronse en cargar toda a ofensiva pola banda de Toni, loxicamente. Nunha destas, mala acción defensiva do canteirán, Orellana non baixa a defender, Yoel falla e gol de Suso. O xogador cedido polo Liverpool foi dos que máis o intentou no conxunto visitante, pero creo que lle pasa un pouco o que a Rafinha no Celta. Son dous xogadores que apuntan a virtuosos, pero que aínda non teñen a capacidade de ser os que tiren do carro nos seus actuais equipos. Penso que foron fichados con expectativas demasiado elevadas para a súa idade.

A pesar do mazazo inicial, o Celta puido repoñerse a costa dun Almería nefasto. O medio campo era totalmente celeste, sempre con superioridade con e sen balón. O Almería tiña as liñas demasiado alonxadas unhas de outras, e os dous medios atopábanse perdidos entre tanto vigués. Por se foran poucas as facilidades que daban os visitantes, a defensa visitante non apareceu en ningún momento de partido. Primeiro deixaron totalmente solo a Charles nunha xogada na que o dianteiro evidenciou os seus problemas na rapidez de execución. Os laterais estiveron os dous moi ben en tareas ofensivas, pois case sempre se atopaban na banda cun favorable 2x1, axudados por Orellana e Rafinha. Krohn, Álex e Borja facían o que querían, conectaban con moita facilidade cos homes de arriba, e tiñan tempo de sobra para mover o balón en tres cuartos de campo rival.

Nunha destas, Orellana enfilouse cara o centro, e grazas á pasividade dos defensores, que apenas saíron a cubrir o tiro, marcou un bo tanto cun tiro ao segundo pao. Despois do empate o Celta incluso intensificou os seus ataques, e chegouse con empate ao descanso porque este equipo ten un claro problema co gol.

No segundo tempo, máis do mesmo. As cousas ían tan ben que incluso marcamos un tanto de córner, por estraño que pareza. Centra ben Álex,  peina Autenetxe e Oubiña marca a placer, logo de que Azeez o estivera marcando por diante. Fallo imperdonable para un futbolista profesional, o do mediocampista almeriense.

O Celta perdonou moito, o resultado puido ser moito máis amplo pero foi Charles o único capaz de perforar a portería de Esteban unha vez máis. Roubo dun Hugo Mallo que estivo espectacular todo o partido, centro rasiño á área e Charles remata, esta vez demostrando as súas dotes de dianteiro, e ganándolle a partida a unha defensa outra vez moi débil. Yoel tivo que sacar un par de paradas no segundo tempo, pero nada que puxera en apretos a victoria local. En ningún momento o Almería deu sensación de perigo. Un equipo que ten moitísimo que mellorar, se quere permanecer outro ano máis na primeira división.

Respecto ao Celta, creo que tamén ten que mellorar moito. Aínda que se escoitou nas bancadas o "fútbol de salón" nalgún momento, o nivel do equipo non foi para min mellor do que se nos ten acostumados, solo que o Almería deu demasiadas facilidades. Penso que se fixo o que había que facer, que era gañar a un Almería inferior. O resultado tiña que ser unha victoria si, ou si, pois o rival foi o máis débil que pasou este ano por Balaídos, e ou moito me equivoco ou os seguintes partidos contra Valladolid e Osasuna, non se van a semellar moito ao vivido o sábado.

Quédome sobre todo co partidazo de Mallo, de Oubiña, de Costas e de Jonny cando entrou, que para min é o segundo mellor lateral que temos. Tamén ca entrega que mostra Augusto día si e día tamén, xogue ou non de titular, demostrando o gran profesional que é. E por suposto, quédome ca volta de Mario a unha convocatoria, aínda que non saltara ao verde. Sigo sen entender o de poñer a Toni de Lateral, para min sempre foi media punta. Defendendo é un cero á esquerda, sobre todo cando non recibe axudas do extremo, e en ataque solo fai dano contra equipos que deixan moitos espazos atrás. Tampouco creo que Orellana lle poida quitar o sitio a Nolito ou Rafinha, paréceme un xogador moito menos completo, a pesar do seu gol o outro día.

O mellor, tres puntiños e a seguir sumando, que falta van facer.

0 comments:

Publicar un comentario