![]() |
Foto: EFE |
Estase a falar moito ultimamente da posibilidade de que o Celta acuda ao mercado de inverno outro ano máis, para tentar arranxar en poucas semanas o que non se puido facer en todo o verán. Por suposto, eu estou de acordo con que é necesario fichar algún xogador, porque a plantilla do Celta resulta demasiado escasa para a liga, e máis o será cando comece a Copa do Rey, unha competición na que o celtismo sempre ten postas grandes ilusións, baixo certeza de que se lle debe algo.
Pero que posicións se deben reforzar? Hai que fichar a toda costa, como se fixo o ano pasado? Temos que ser conscientes de que nestas datas é complicadísimo fichar algo de proveito para a plantilla, sobre todo cando o equipo que ficha non é un dos máis poderosos da liga.
Aínda así, penso que non estaría de máis atopar un lateral esquerdo puro, un mediocentro do perfil de Oubiña e sobre todo, un dianteiro centro. Son as tres posicións máis renqueantes da plantilla olívica. Na posición de lateral zurdo é necesaria unha fichaxe claramente, cando Luis Enrique se viu na obriga de reconvertir a Toni para ese posto.
Na posición de pivote entre a defensa e o medio, onde xoga Borja, é innegable que non viría de máis outro xogador que poida dar o nivel, pois o capitán xa non é un rapaz, e posiblemente baixe o nivel na segunda volta ca acumulación de encontros, sen contar con posibles lesións ou sancións. Por último, todo equipo necesita ter pólvora na punta de lanza, e por suposto ter recambios de garantías. A pesar de que Charles non o está facendo mal, non estou contento de todo cas súas actuacións.
É un xogador que sempre ten algunha ocasión por partido, pero non estou totalmente satisfeito co seu xogo de equipo, véxoo moi falto de mobilidade para ter as características que ten, posiblemente por iso sexa tan tardío o seu debut na primeira división. Aínda así, paréceme un dianteiro máis que aceptable para un equipo como o Celta, vendo o que pasou por Vigo nesa posición dende Baiano, e exceptuando a Iago Aspas e igual a Diego Costa cando non se volvía tolo. O problema é que Charles non ten un recambio de garantías, pois Mina é utilizado máis tirado a unha banda, e David nin está, nin se espera que apareza.
O complicado é atopar reforzos de garantías no mercado a estas alturas de tempada. Nestas datas a maioría das fichaxes son parches para algunha posición que quedou coxa, e que raramente acaban consolidándose como pezas importantes do equipo. Se xa é complicado fichar en verán…
De fichar, vexo totalmente necesario traer a xente experimentada, que lle ofreza ao equipo un plus de veteranía. A poder ser un veterano curtido en mil batallas na liga española. Algún destes clásicos de sobra coñecidos por todos están xogando agora na categoría de prata do fútbol español, con pólvora suficiente para competir outros seis meses en primeira. O que é unha incógnita respecto unha fichaxe así é a repercusión que tería nas relacións dentro do vestiario, un aspecto tan importante como calquera outro dentro dun equipo de fútbol.
De non ser posible fichar algo que vaia mellorar, ou polo menos competir co que xa temos, a outra solución será tirar de canteira. Opción nada despreciable tendo en conta o nivel dos nosos rapaces. Para as posicións que sinalei antes xente como Thaylor, Borja Fernández ou Samu veñen pisando moi forte. Curioso o caso deste último, que nunca aparece nas quinielas para subir ao primeiro equipo e a min paréceme un gran xogador, sen contar co necesitados que estamos dun lateral esquerdo.
Por último, no tema de saídas vexo clave ceder a Jonny, ou facer algo para que xogue máis. Un xogador ca súa idade e proxección non pode estar parado. É innegociable que Hugo debe ser titularísimo, pero xa se demostrou o pasado ano que Bellvís pode cumplir no costado dereito. Sexa como sexa, esperemos que de fichar se fiche ben, e non se faga o estropicio de fai un ano.
0 comments:
Publicar un comentario