Odio eterno ao fútbol moderno


Esta semana non analizarei o encontro do fin de semana en Málaga por unha sinxela razón: non puiden velo. A miña labor como adestrador mantenme ocupado case todos os sábados ao inicio da tarde. Podería ler unha crónica ben completa e despois comentala, pero non me parecería correcto, pois naturalmente o resultado non sería o mesmo. 

Sobre o Málaga-Celta unicamente podo dar unhas poucas ideas obvias respecto o que sucedeu no encontro, despois de escoitar o primeiro tempo por radio e ver o resumo pola noite. Creo que unha goleada de tales dimensións a favor dun equipo que non marca moitos goles, débese principalmente a dous factores, que son os seguintes. Primeiro, unha gran falta de intensidade do equipo rival, plasmada sobre todo no segundo tanto de Álex López. E segundo, personalidade do equipo vencedor, e tamén sorte: Ao Celta entráronlle goles que outro día desesperarían pola súa ausencia. Despois pode haber outros aspectos secundarios, como a aparición de Aurtenetxe no lateral esquerdo en lugar de Toni, ou a presenza máis liberada e con máis espazo de Álex no medio, sen Rafinha achicándolle terreo. 

Esto é todo o que podo dicir sen ver o encontro, pero no canto de pensar unha maneira para agradar aos lectores de Moiceleste cunha crónica completiña do partido, déuseme por reflexionar sobre o fútbol actual. Recén comezada a semana de post-partido Barcelona-Madrid, estou sumido nunhas semanas nas que sinto un asco especial hacia todo o que rodea ao fútbol actual, sen ser propiamente o fútbol como deporte. E é que o momento no que xogan os dous mellores equipos da península é tamén, por extraño que pareza, o momento da tempada no que máis dano se lle fai ao balompé como tal. 

Por este atentado ao deporte que máis aprecio, é polo que xa fai uns anos que deixei de ver o repetido “clásico”, como o alcuman os medios para subir a audiencia. O que fai a prensa co Barcelona-Madrid, ou con calquera partido que eles consideren propicio para vender máis, é pervertilo ata límites que non se podían nin sospeitar en tempos nos que o fútbol era un deporte, e non unha mistura de negocio e salsa rosa. O capitalismo acabou por convertilo nun mecanismo de seu, máis que no simple pasatempos que era na súa orixe, ao igual que fixo (salvando as distancias) o antigo Imperio Romano cos xogos de circo. 

Por aquel entonces, a expresión “Panem et circenses” era utilizada para describir a práctica pola que o goberno mantiña tranquila á xente dándolles alimento e entretemento. Hoxe en día, esta expresión penso que non resulta totalmente anacrónica, pois segundo foi diminuíndo o nivel de vida nestes últimos anos, foi ascendendo o número de partidos que un espectador pode presenciar ao longo da semana. Eso sí, pagando.

Para un amante do fútbol como son eu, é unha pena que se perda a esencia do deporte a favor da burocracia e a “salsa rosa”, do mesmo: que se a fulano lle caen cinco partidos e se vai recurrir a sanción; que se a mengano o deixou a muller, e eso poderepercutir no seu xogo. A maioría de programas futbolísticos que podemos ver por televisión páranse máis nestes aspectos que nos puramentes técnicos e tácticos, que ao mesmo tempo son os que fan grande ao fútbol, porque son os que poden volvelo máis igualado. Ao contrario do que se nos quere facer crer, un equipo pequeno non vence a un grande porque o vestuario deste último esté enfrontado, ou porque ao seu central estrela lle caeran tres partidos de sanción. 

O que fai grande a este deporte en concreto, é que un equipo pequeno pode ser máis grande que o mellor do mundo durante un partido, cando o supera nalgúns dos aspectos que sí son orixinais no fútbol: sacrificio, fortaleza mental, táctica e un chisco de sorte. E dito esto, vénseme á cabeza o partido de mañán en Balaídos. Quen dixo medo?

Por último, gustaríame facer unha leve homenaxe a un grande que nos abandonou onte. O título da súa canción creo que identifica o que foi o sábado para todo o celtismo, polo menos futbolisticamente falando.

0 comments:

Publicar un comentario