A este gato ainda lle quedan moitas vidas...


R.C.CELTA



Foi a do xoves unha noite especial para o Celtismo. Hai quen di que a data (12/12/12) merecía un partido así.

O certo é que, pase o que pase no encontro de volta, a victoria, e sobre todo, o bo xogo do Celta quedará marcado na lembranza colectiva.

Evidentemente, cando un equipo alcanza ese nivel de xogo sobre o céspede é difícil, e quizáis inxusto, destacar a un futbolista por enriba do resto. Pero tamén é certo que en moitas ocasións nos esquencemos de aqueles que non xogan todo o que quixeran. De aqueles nos que as cámaras non se deteñen, aqueles ós que os xornalistas non adican tanta atención. Eles, máis ca ninguén, necesitan do noso alento para que o seu sorriso non se apague.

Entre eles, podería destacar ó gladiador Bustos e o trallazo que se sacou da perna dereita para marcar o gol da súa vida, o que significaba o segundo ó R. Madrid.

Pero si de sorrisos falamos, é Sergio Álvarez o que se leva a palma.

Chegou ó Celta con 17 anos e co seu sorriso eterno por bandeira e a base de esforzo e traballo alcanzou, despois de convertirse en eterno capitán do filial, á primeira plantilla do equipo. Él sempre confiou nas súas posibilidades, pero nin de lonxe imaxinaba, cando facía as súas primeiras paradas no campo de A Lomba, que acabaría facendo estiradas imposibles a tiros dos internacionais do R. Madrid.

Entre medias, tocoulle lidiar cun ano “de exilio” no Racing de Ferrol, cun descarte e cunha molesta lesión que, nalgún intre lle fixeron pensar noutro camiño. Pero non só non se rendeu senón que acabou no primeiro equipo do Celta, gañándolle unha aposta personal ó seu pai.

Din os que o coñecen que é meticuloso ata o límite nos entrenamentos, que deixa sempre ata a última gota de esforzo e que coida o seu corpo como si das manecillas dun reloxo suizo se tratase.

Sen embargo, a min gustaríame destacar a súa humildade. Esa humildade que fai que cando lle pregunten por algunha das súas paradas só se limite a responder que “él só fai o seu traballo”.

Lémbrome perfectamente do seu debut, hai un par de meses, en Primeira contra o Sevilla. Javi Varas lesionouse minutos antes do encontro e Sergio, polo tanto, viuse felizmente obrigado a estrenarse de forma inesperada na máxima categoría do fútbol español.

Aquel día, sorprendeu a concentración coa que saltou ó céspede.

Corrían os primeiros minutos de xogo cando lle tocou sair a despexar un balón comprometido que se achegaba perigosamente á súa área. Imaxino como, de repente, centos de recordos pasaron pola súa mente. As bagoas polo penalti e a expulsión contra o Xerez ainda estaban recentes.

Pero o Gato amosou as garras e non só resolveu con acerto esta e outras xogadas, senón que deixou para a memoria unha parada antolóxica a un cabezazo de Negredo.

Contra os galácticos do Madrid respondeu de forma perfecta a todos os disparos, tendo que lamentar tan só o postreiro tanto dun Cristiano Ronaldo a quen, minutos antes, ó árbitro perdoou a expulsión. Ese gol complica a eliminatoria, e moito, a un Celta que no Bernabéu defenderá unha exigua renda.

Se o equipo consegue pasar a cuartos de final da Copa do Rei, Sergio continuará mostrando a todo o fútbol español as súas cualidades. Pero si desgraciadamente quedamos no camiño, adicareille un proverbio persa que me gusta especialmente e que di así: “A paciencia é unha árbore de raíz amarga pero de froitos moi doces”. O Celta decidiu invertir este verán na experiencia de Javi Varas, pero tamén no seu papel de tutor e de mentor…E estou seguro de que pronto o alumno “superará”  ao maestro.

Ata entón, Sergio seguirá demostrando ós celtistas que a este Gato ainda lle quedan moitas vidas.

Seguir a: @braisinhoalonso


0 comments:

Publicar un comentario