Nobre xogo, afouteza e corazón!


ALBERTO LIJÓ


Notábanse as gañas de fútbol de Primeira o pasado sábado en Balaídos. Cinco anos metidos nun pozo negro ben valen os sorrisos por doquier.

Camisetas de Li-Ning, de Umbro...e ata as nostálxicas Adidas dos anos 80. Bufandas, bandeiras e demáis merchandising... O Celtismo desempoa as súas mellores galas. Mundicromo e Panini volven incluír a celeste nos seus cromos.

Pálpase no ambiente unha ilusión inusitada. 22.500 abonados a un sentimento, o do Celta de Vigo. Os bares dos aledaños rebordan de apertas dos amigos que hai 5 anos que non se ven. Hai quen fala de oportunismo, eu prefiro pensar que só foi un letargo e que a conciencia, ó ver este xenial equipo de canteira, os espertou.

E é que ata o vetusto Balaídos quixo poñerse guapo para esta particular "volta ó cole". O foso pasou a mellor vida e a bancada de fondo estreou os asentos vermellos da empresa Vodafone.

Pero a Primeira División quixo mostrar o seu lado máis ingrato dende o comezo. O Celta perdeu a pesar dunha moi boa actuación contra un Málaga que, non o esquezamos, é equipo de Champions. E é que, sen ir máis lonxe, onte tiveron a oportunidade de escoitar na Rosaleda a adaptación do himno de Händel na previa contra o Panathinaikos.

O Celta saltou ó campo armado de responsabilidade e sacudíndose dun plumazo calquer atisbo de nerviosismo. Aqueles que temían a inexperiencia destes futbolistas en Primeira, poden estar tranquilos.

Cun xogo moi serio á vez que atrevido, plantoulle cara ó Málaga e foi acumulando ocasións de gol, incluíndo varios disparos á madeira. Liderado por un Iago Aspas que promete poñerlle as cousas moi difíciles ás mellores defensas da Liga, o equipo mostrouse moi traballador en todas as facetas do xogo. Os canteiráns desbordan ilusión e compromiso, e as novas fichaxes prometen ser grandes acertos.

Aínda así, aqueles que sempre ven nuboeiros grises sobre a súa cabeza, comezaron cas súas profecías de pitoniso agorero. E sí, poden ter razón nunha cousa, e é que a Primeira é moi ruín e nunca perdoa. Quizáis as porterías se fan máis pequenas, quizáis os porteiros máis grandes...Pero o que é incuestionable é que o Celta deixou moi boas sensacións e tivo contra as cordas a todo un señor equipo.

Xa o anunciaron técnico e xogadores, "será un equipo con personalidade e fiel ó seu estilo". Eu téñoo claro: imos ver a equipos que non alcanzarán este estilo de xogo preciosista nos 38 partidos de Liga.

Comentaba tralo partido Sir Paco Herrera que, aínda que fodido (sic) está contento porque ten "algo ó que agarrarse. Vaia se ten onde agarrarse! E non é un cravo ardendo, non! É un equipo de jugones, de rapaces e veteranos que levan con afouteza e honra o escudo do Celta no peito.

Supoño que non fai falla lembrar que as cousas non son como empezan, senón como rematan. E dende logo que este Celta, comezando polo presidente D. Carlos Mouriño, pasando por un excelente corpo técnico e director deportivo, e finalizando nun equipo de quilates e moito futuro, nos darán moitas tardes de alegrías.

Por iso, quero rescatar un detalle que reflicte a ilusión do Celtismo: Final do partido. Os xogadores retíranse a vestiarios amoucados pola derrota, pero Balaídos, dun plumazo, failles levantar a fronte cun enérxico "Celta, Celta" que resoou en cada bancada.

Estamos de volta...e é momento de disfrutalo! Hala Celta!

0 comments:

Publicar un comentario