Iago Aspas asume o seu novo rol



O dianteiro do RC Celta de Vigo, Iago Aspas, atendeu recentemente a unha entrevista para a Televisión de Galicia, na que repasou o momento actual do conxunto celeste, o seu papel no equipo e os obxectivos que se marcan de cara á recta final da tempada. A pesar de ter perdido algo de protagonismo sobre o terreo de xogo, o capitán celeste móstrase satisfeito co seu rol e confiado nas opcións do equipo.

Aspas asumiu con madurez o novo papel que lle tocou desempeñar esta tempada. “Estou moi contento dentro deste rol, parvo non son, e polo menos podo ver tamén o lugar do míster no día a día”, comentou. O dianteiro de Moaña valorou positivamente a evolución dos seus compañeiros máis novos e o ambiente que se respira no vestiario. “Os compañeiros están evolucionando moito, veñen moitos mozos por detrás facendo as cousas moi ben. Estamos en harmonía, en moi boa sintonía, porque vemos o fútbol con moitas similitudes e queremos achegar ao club que amamos como é o Celta”.

O equipo vigués non descarta loitar por unha praza en competicións europeas. Aspas mostrouse cauteloso, pero ilusionado: “Teremos tempo de falar de Conference, de Europa League, de Champions... Eses catro ou cinco últimos partidos poden marcar unha tempada, e a verdade é que estamos en disposición de facer algo grande, sempre que logremos agora unha ou dúas vitorias para chegar con forza a eses últimos catro partidos”.

O capitán tamén tivo palabras para un dos talentos emerxentes do equipo, Fer López: “Ata onde poida chegar, agardemos que sexa o máximo posible con nós. É un rapaz moi novo que aínda ten moito por mellorar, pero vémolo que ten as condicións e as ganas”.

Sobre unha posible renovación co club da súa vida, Aspas non agochou o seu desexo: “Sería un broche perfecto”.

Aspas destacou o bo momento colectivo e a importancia da harmonía dentro do equipo. “Gozamos dentro do terreo de xogo, nótase a harmonía do equipo. Se o equipo está gozando, xoga mellor; se o que traballamos durante a semana se reflicte na fin de semana. A tempada está sendo un éxito porque estamos facendo moitas cousas ben”.

O calendario do Celta de cara ao tramo final da campaña será decisivo. “Estamos en disposición de facer algo grande, pero como digo, o tópico é certo: hai que ir partido a partido”, insistiu Aspas. “Imos ter dous desprazamentos moi esixentes, tanto a Madrid como a Barcelona. Na casa recibimos ao Villarreal, e despois quedarán esas últimas catro xornadas: temos que ir a San Sebastián, recibir ao Sevilla e ao Rayo. Creo que nesa etapa vai estar a clave da tempada”.

0 comments:

Publicar un comentario