Cando isto estale


Foto: Octavio Passos/Getty Images

Confésoo: Sempre escribo con música. É unha estratexia que uso desde hai anos. E se algún seguiu os meus textos comprobará que moitos deles teñen nomes de cancións. E hoxe, despois do partido de Pamplona, non foi unha excepción. E por iso este artigo leva tamén o título dunha canción que agora mesmo ecoa dentro da miña cabeza. Para quen coñeza a  'Delafé y las Flores Azules' o titulo  pode darlle unha bonita pista de por onde van os tiros hoxe. Se non os coñecen, espero que isto tamén sirva como escusa.

Ó meollo: O Celta ten un problema. Pero non é un problema deportivo. É un problema de concepción. De grave concepción de como debe ser un equipo profesional. Do que é un equipo. Para que existe. Para que loita. Do que un equipo debe expor ante os seus siareiros.  O problema indicado da concepción é precisamente o espírito  coa que parte este proxecto e os anteriores tres  enxendros de proxecto. Non é un proxecto competitivo. É, simplemente, un proxecto  sustentado nun paradigma ou un axioma: viabilidade económica. O resto non importa .. ou non demasiado.

E dicir: Un  Frankestein.

A priori ninguén estaría en desacordo en que o económico debe vixiarse atentamente. Pero cando todo, absolutamente todo, está supeditado a isto;  ou mais ben cando isto serve como escusa para limitar todo incluída a faceta competitiva un decátase de que isto xa non é fútbol: é outra cousa.  Perdemos tanto a identidade que a xente ve  languidecer aos poucos o equipo cara a un destino inevitable sen inmutarse. Sen abafo. Sen présa. Sen ver cambios. Este proxecto de club xa non apaixona a ninguén. Porque tres anos de agonías non o aguanta xa nin o mais frío. En casa Celta teñen moi claro algunhas liñas de traballo: A preguiza salvoulles moitas veces dos outros seis pecados capitais. Para eles o mellor club que poden ofrecer á súa afección é isto. Non hai a mais mínima intención de mellorar. O importante, mais que o club, máis que vostedes ou eu, é a  excel do balance.

E os erros son os de sempre e repetidos ata a saciedade durante 6 anos: equipos incompletos, fichaxes inexplicables, falta de recursos en certas áreas do campo, falta de identidade propia, esquecemento do estilo propio. Unha vez, e outra, e outra, e outra.  Infumable.
Todo este grupo de erros repetidos, que xa parecen unha metástase dentro da entidade, teñen sempre a escusa maior do entorno económico. En aras a esta escusa – dogma- axioma- credo esconden algo que todos percibimos. Incapacidade de xerar ilusión. Incapacidade de xerar afinidade a un equipo. Incapacidade a secas. Cero creatividade na xestión. 

A tolerancia ao fracaso repetido ten o seu límite. É como o caruncho, aos poucos vai comendo calquera estrutura. A afección esta cansa. Sempre os mesmos 'erros'. E póñoo entre comiñas porque cando algo se repite constantemente no tempo non pode cualificarse como erro realmente: É pura neglixencia. Ou mala  fé. Escollan vostedes. Persoalmente nunca entendín ás persoas que senten excitación sexual ante unha  excel con resultados de balances positivos.(Créanme, este tipo de  malformad@s existen) pero é mais aterrador ver que estas persoas son as que dirixen o club dos teus amores. Iso é  sadomasoquismo. Un  bukkake de  economia liberal sobre o afeccionado.

Se no fondo, xa o dicían  Delafé y las Flores Azules: 'Volveremos ruxir xusto antes de renxer(...) /E non me atrevo a respirar polo que poida pasar / Cando isto estale”. Lembren que cando suceda.. non haberá  conta de resultados que valla. 

0 comments:

Publicar un comentario