Afouteza e corazón. O Celta escolleu ese lema como berro de guerra nos últimos tempos. E non está mal a escolla, porque ao noso equipo, o que hoxe cumpre noventa e un anos de existencia, nunca lle faltou nin afouteza nin corazón. Dende os primeiros intres da súa existencia, coa fuga de varios xogadores rumbo á Coruña, cando aínda non era o eterno rival, ata os diferntes períodos de baixada e subida, sempre se soubo manter como un referente dentro da Galicia futbolística.
Non son moi lexanos eses tempos. É doado lembralos. Os cinco anos no inferno da Segunda División, deixaron a un equipo lonxe da realidade que pensaba, pero a resurrección, esa na que o Celta acadou o seu obxectivo, estivo moi vencellada a esas dúas verbas que acompañan ao equipo nos últimos anos. A afouteza de crer nun proxecto baseado na canteira, ata as últimas consecuencias, e ese corazón que latexa debaixo da camisola, xusto debaixo do escudo coa cruz de Santiago.
Noventa e un anos cumpre hoxe o vello Celta, máis novo ca nunca. Noventa e un anos de afouteza e corazón, e tamén de orgullo e tradición, como rezan os versos do himno do noso clube. Hoxe é o momento de lembrar a aqueles que nos fixeron chegar ata aquí. Ramón Polo, Nolete, Venancio, Hermidita, Pahíño, Gabriel Alonso, Manolo, Vicente, Baltazar, Otero, Mostovoi, Revivo, Karpin, Mazinho, Iago Aspas, máis unha longa lista de futbolistas que fixeron deste clube o que hoxe é.
Eles tamén tiñan afouteza e corazón, a mesma que aqueles que seguían os seu camiño dende a bancada. Aqueles que nunca se renden, nin cando só hai o 4 por cento de posibilidades de salvarse, nin cando a crise leva ao equipo a pelexar por manterse en Segunda. Endexamais, porque o celtismo é afouto, e ten corazón para exportar. E sempre foi así.
Parabéns Celtiña, no teu noventa e un aniversario. Que sexan moitos máis e que nós o vexamos.
0 comments:
Publicar un comentario