A Análise do día despois: Unha longa noite de pedra


Foto: Óscar Vázquez
Comezaba o encontro do luns contra o Levante como un partido para non fallar, unha desas finais anticipadas cuxo resultado recordaremos con seguridade nas últimas xornadas de liga. Como sucedeu fai un ano, cando como en tantas outras xornadas un gol levantinista no minuto 88 nos privaba dunha importante victoria ante, a priori, un rival directo. Pero onte, o destino foi máis cruel cos celestes, pois o equipo valenciano propuxo incluso menos futbolisticamente que o ano pasado, e levouse un botín maior. 

A primeira parte foi un monólogo vigués, unicamente interrompido por un par de chegadas visitantes sen demasiado perigo para a meta defendida por Yoel. A maior parte dos primeiros corenta e cinco minutos xogáronse no lado da cancha ocupado polo Levante. Diop, Simao e Rubén García non aparecían na zona de creación dos valencianos, Xumetra e Ivanschitz estaban practicamente desaparecidos, e Babá perdía cada balón que tocaba baixo a boa presión celeste, que achicou espazos moi arriba afogando ao equipo rival. O único salientable por parte do Levante neste primeiro tempo foi o seu bo posicionamento defensivo, que aínda así fallou estrepitosamente nunha xogada na que Santi Mina se atopou cun man a man que non foi quen de superar. O rapaz acusou sen dúbida a súa xuventude, pois ou moito me equivoco ou nos vindeiros anos non será sinxelo que non convirta unha ocasión dese tipo. Foi posiblemente a ocasión máis clara do Celta no primeiro tempo, pois aínda que tiña gran presenza arriba fallábase moito no último pase e na definición.

Para min, tanto Costas como Fontás estiveron moi ben en todo o partido, sacando ao mellor un fallo de marcaxe nun leve achegamento visitante por parte do catalán, e unha falta de contundencia e solidez por parte do canteirán, nunha acción con Xumetra, ambas na primeira parte. En canto aos laterais, Mallo máis ou menos na súa liña esta tempada, acusando a grave lesión que sufriu o curso pasado, e que de momento evita que chegue ao estado de forma no que estaba antes de romper. Aínda así, penso que continúa sendo un gran lateral para un equipo como este. Pola outra banda, Toni. Por moito que se empeñe Luis Enrique, o coruñés non é lateral. Evidencia grandes carencias defensivas cada vez que o encara un xogador habilidoso, ou en ocasións que se require un marcaxe férreo. Aínda que a miúdo se pense o contrario, os laterais son antes defensores que atacantes. En ataque, a súa participación redúcese a un indeterminado número de centros por partido, onte foron catro ou cinco, e ningún atopou rematador. Pola banda, e sobre todo saíndo dende tan atrás, Toni perde esa maxia do último pase que posúen algúns medias puntas ou segundos puntas, da que el non está exento. 

Por diante destes catro homes onte estivo Oubiña, para min superlativo. Lucho deuse conta por fin que o vigués aporta moitísimo máis sen ter que sacar o balón dende tan atrás, entre os dous centrais. Na posición de onte conecta mellor cos enganches, e Fontás e Costas están capacitados para sacar o balón por eles mesmos, sen necesidade de que o capitán teña que recibilo tan atrás. Borja defendeu ben, dirixíu o xogo e foi o timonel do equipo. Nunha boa liña estivo tamén Rafinha, aínda que demasiado precipitado a veces. Foi o encargado para conectar o xogo de Borja Oubiña cos tres de arriba, e sobre todo no primeiro tempo fíxoo moi ben, ante a pasividade dos mediocampistas do Levante. Tampouco estivo do todo mal Krohn-Dehli animándose con tiros a portería dos que estamos moi necesitados, pero continua sen ser o gran xogador que destacou na Eurocopa pasada ou o que vimos na primeira volta da tempada pasada. Creo que L.E. segue sen atoparlle o sitio perfecto no equipo. Os tres de arriba non me gustaron, sobre todo na primeira parte. Mina intentouno pero sen sorte, Charles xogou con pouca mobilidade e a penas se notou, e Nolito estivo moi lento nalgunhas accións de último pase ou tiro. De todos os xeitos, na segunda parte o andaluz mellorou e foi un dos xogadores máis relevantes no apartado ofensivo, ata o seu incomprensible troco.

En resumo e na miña opinión, un monólogo do Celta case absoluto ata o momento dos dous últimos cambios. O Levante estivo durante todo o partido conforme co empate, perdendo tempo dende moi cedo, ao máis puro estilo Caparrós. Un equipo que xoga de local contra outro que busca o empate a cero dende o minuto trinta, nunca debe empatar, e xamais pode perder. É moi preocupante deixar escapar tres puntos así en Balaídos, e máis regalarllos a un equipo que os mereceu tan pouco, aínda menos que o Elxe fai unhas xornadas. A impresión que dá o Celta é a dun equipo que non sabe a que xoga, un equipo sen alma que por se fora pouco carece de fondo de armario. Xogadores como Orellana ou David Rodríguez, non poden a día de hoxe ser os revulsivos para os finais de partidos, porque en primeira división nunca aportaron case nada. O único cambio válido o de Álex, segundo o meu ver.

Que sí, que segundo Lucho o vaso está medio cheo porque todo o fixo o Celta. Pero é que non debería ser así, despois do partido que fixo onte o Levante? O preocupante é que poucos partidos tan sinxelos coma este imos atopar esta tempada. Cos cambios renunciouse á victoria, e por se fora pouco ao empate, cando Orellana polas ganas de agradar fixo un sprint de corenta metros dende parcela ofensiva para facer unha falta tonta. Despois, erro gravísimo de marcaxe e Diop enchufouna como posiblemente non o volva facer en moito tempo. Sorte? Posiblemente, pero a sorte, ou neste caso a mala sorte, buscouna o equipo olívico. Despois desto, o Celta KO xa non estaba para nada máis, e os que nos desprazamos a Balaídos quedamos ca cara de parvos de tantas outras veces. Agora, tocan Málaga, Barcelona e Sevilla. Esperemos que non leve razón a lóxica que nos fai pensar que continuará esta longa noite de pedra...

0 comments:

Publicar un comentario