A
Festa de Fin de Tempada do Celta regresa o vindeiro
sábado 23 coa súa terceira edición convertida xa nunha das citas máis especiais e esperadas para toda a afección celeste
. Unha gran xuntanza nos
arredores de Abanca Balaídos para despedir, todos xuntos, unha tempada inesquecible. Música en directo, actividades para todas as idades, gastronomía, convivencia e fútbol darán forma a unha xornada pensada para celebrar o celtismo en comunidade. A programación arrincará ás 11:00 horas cosTours Especiais polo Museo,
un percorrido único para revivir os mellores momentos desta campaña e
ter a oportunidade de entrar no campo antes ca ninguén no último día do
curso. E a partir das 12:30 horas, as inmediacións do estadio comezarán a encherse de ambiente, cun programa que se prolongará ata o inicio do partido.
A previa dará o pistoletazo de saída coa apertura da zona de restauración, onde 15 postos de comida xestionados por peñas celtistas
ofrecerán algunhas das propostas máis tradicionais dunha auténtica
comida galega: churrasco, polbo, choripáns…. Iso si, haberá que estar
atentos a Chiño, que seguro aparecerá buscando algo que petiscar.
Os máis cativos tamén serán protagonistas desta gran festa, cun espazo para eles e elas.
Durante toda a Xuntanza poderán gozar de actividades, como fútbol 3×3,
chutómetro, billar fútbol, porteiro giratorio, soccer bowling, head jump
challenge ou futbolíns, pensadas para todas as familias celtistas.
O gran momento musical da xornada chegará da man de Baiuca,
unha das referencias máis importantes da música galega actual. A súa
mestura de electrónica e sons tradicionais promete converter Balaídos
nunha auténtica celebración colectiva e deixar un dos grandes recordos
desta terceira edición.
A programación musical contará tamén coa presenza de Festicultores,
un grupo xa vencellado ao espírito desta festa e á afección celeste. Co
seu inconfundible chimpín, a súa retranca e esa maneira tan particular
de entender a música, volverán poñer a saltar a todo o celtismo.
Outro dos nomes propios desta Xuntanza será Dirty Suc.
Convertido nunha das voces emerxentes máis recoñecibles da escena
urbana galega, e tras conectar cun público cada vez máis amplo grazas a
un son persoal no que convive o moderno e as referencias á cultura e ás
raíces galegas, o artista non quixo faltar a unha cita tan especial.
Quen tamén terá un lugar destacado ao longo da xornada serán Os Varacuncas.
O grupo de Lalín, moi ligado ao celtismo e presente xa en celebracións
arredor da afección celeste, actuará por primeira vez de maneira oficial
en Balaídos. Cunha proposta profundamente conectada coa tradición e coa
cultura popular, a súa presenza nesta Festa de Fin de Tempada tamén
quere ser unha mostra do compromiso do club con aqueles artistas que,
dende sempre, levaron con orgullo o sentimento celeste por bandeira.
Tras a gran previa, ás 19:45 horas abriranse as portas do estadio para dar paso ao último encontró da tempada, previsto para as 21:00 horas ante o Sevilla FC. Un último baile entre equipo e afeción que non acabará co pitido final. O
club quere convidar a todo o celtismo a permanecer nas súas localidades
ao remate do partido para vivir un fin de festa moi especial dentro do
templo celeste.
Esta gran Xuntanza será o broche perfecto dun ano cheo de orgullo. Unha despedida á altura dun curso inesquecible,
desos que quedan gardados para sempre na memoria dunha afección que
sente, sofre e celebra unida. Porque o Celta é moito máis ca fútbol, é
pertenza, é identidade, é a emoción de compartir cada paso cos nosos. E
hai momentos, como este, que só teñen verdadeiro sentido cando se viven
xuntos.