![]() |
| Foto: Alba Villar / Faro de Vigo |
O dianteiro do Celta, Pablo Durán, analizou para Celta Media a derrota sufrida onte fronte ao Ludogorets en Razgrad, nun partido no que o equipo celeste estivo preto de rabuñar un punto ou mesmo de completar a remontada.
Durán recoñeceu que o equipo non estivo ao nivel esperado: “Creo que non fixemos o mellor partido da tempada. Estivemos a piques de conseguir o empate ou incluso a vitoria, porque tivemos ocasións suficientes. Temos que seguir traballando e mellorando.”
O atacante destacou tamén o cambio de dinámica trala pausa: “Máis intensidade; igual estabamos máis incómodos na primeira metade.” A mellora na recta final da segunda parte permitiu ao Celta xerar perigo con máis continuidade.
No plano persoal, Durán asinou o seu terceiro gol nesta edición da Europa League, algo que lle dá confianza, pero que non lle fai perder a perspectiva colectiva: “Traballo tódolos días para que estas cousas estean máis preto de que se dean. Contento polo gol, pero temos que traballar para correxir os erros e conseguir tódalas vitorias posibles.”
O xogador quixo ter tamén unhas palabras especiais para a afección, desprazada en gran número ata Bulgaria: “Agradecer inmensamente o que fan por nós. É unha viaxe un pouco complicada, e había moitísima xente do Celta, que non para de berrar e de animar.”
Por último, Durán xa pensa no próximo compromiso ligueiro ante o Espanyol, no que o vestiario só ten un obxectivo: “Centrados en conseguir os tres puntos na casa.”






















