![]() |
| Foto: Clive Brunskill / Getty Images |
Yoel Lago valorou o empate sen goles do Celta este domingo fronte ao Elche no Martínez Valero (0-0), nun encontro equilibrado no que o conxunto celeste conseguiu manter a portería a cero, aínda que non puido regresar a casa cos tres puntos. O defensa falou para Celta Media tras o partido e subliñou a dificultade de sumar en calquera campo de Primeira División.
"Foi un partido bastante parello, onde sabíamos que xogabamos contra un rival bastante complexo", explicou o futbolista, que considera que o punto conseguido en terras ilicitanas debe ter continuidade no seguinte compromiso ligueiro. "Un empate que temos que facer bo en casa co Alavés e a seguir", apuntou, poñendo xa o foco no encontro da vindeira xornada en Balaídos.
O canteirán tamén destacou a importancia de deixar a portería a cero, un dos aspectos positivos que o Celta pode extraer do duelo ante o Elche. "Sempre que facemos portería a cero estamos máis cerca de gañar", sinalou Yoel Lago, que se mostrou "contento por iso", aínda que recoñeceu certa decepción por non lograr a vitoria: "Un pouco triste por non sacar os tres puntos".
O defensa quixo, con todo, poñer en valor o resultado, lembrando o complicado que resulta puntuar na máxima categoría. "Sabemos que cada punto en cada campo nesta liga é moi difícil. Hai que darlle valor porque non é doado", afirmou, antes de insistir na necesidade de pasar páxina e preparar o seguinte compromiso contra o Alavés.
Máis alá da competición doméstica, Yoel Lago tamén se referiu ao ilusionante desafío europeo que agarda o Celta fronte á Juventus. O encontro esperta unha especial motivación no vestiario celeste, pero o defensa advertiu de que o equipo debe afrontalo coa mesma ambición coa que disputa calquera outro partido. "O equipo está moi ilusionado con ese partido, pero temos que darlle a importancia como a todos e ir a por eles e ir a polos tres puntos", asegurou.




0 comments:
Publicar un comentario